Gobierno de España. Ministerio de Hacienda y Función Pública. Abre nueva ventana
Administración Presupuestaria

Que é e para que serve?

 CANOA

CANOA (Sistema de Contabilidade Analítica Normalizada para as Organizacións Administrativas.)

O proxecto CANOA ten como finalidade implantar no ámbito da Administración do Estado e dos entes públicos un sistema de contabilidade analítica que, en unión doutros sistemas de información, poña á disposición dos xestores das distintas unidades unha serie de informes sobre en que unidades (centros de custo) se produce un custo e en que produtos ou servizos (actividades) se produce este consumo, fornecendo información aos distintos niveis de responsabilidade.

CANOA é un sistema de contabilidade analítica que, partindo dun modelo contable estándar, personalizado para cada ente, permite valorar o custo das actividades desenvolvidas polas distintas unidades e proporciona un conxunto de informacións dirixidas a analizar o emprego dos recursos públicos e a facilitar a adopción de decisións sobre a produción de bens e servizos e a fixación de taxas e prezos públicos.

Os principais obxectivos que persegue o sistema CANOA son os seguintes:

  • Valorar o custo das actividades e da prestación de servizos públicos.
  • Determinar a contía das taxas e prezos públicos.
  • Analizar o emprego dos recursos públicos dende a perspectiva da eficacia e economía, posibilitando un control de xestión sobre aspectos concretos da entidade.
  • Facilitar a elaboración e a avaliación dos orzamentos.
  • Axudar na adopción de decisións sobre a produción de bens ou prestación de servizos, respondendo así ás necesidades da xestión.
  • Valorar os activos xerados pola actividade do sector público.
  • Facilitarlles información a órganos supranacionais para fundamentar o importe das axudas e subvencións.
  • Complementar a información fornecida polos estados financeiros tradicionais.

CANOA opera a partir dun modelo contable estándar que se personaliza para atender a organización e as necesidades do ente, mediante a definición das estruturas básicas do modelo: elementos de custo, centros de custo, actividades, criterios de repartimento...

A introdución dos documentos de custo en CANOA pode efectuarse de modo interactivo ou a partir de interfaces normalizadas, actualmente en fase de desenvolvemento, cos sistemas de xestión de recursos humanos, de inventario, de xustificantes do gasto...

Tras a segregación das cargas non incorporables, os documentos de custo van ser tratados polo sistema en tres procesos principais:

  • Proceso de asignación por períodos: para clasificar e asignar os custos/ingresos en relación co momento da percepción destes.
  • Proceso de repartimento: para producir a asignación dos diferentes elementos de custos a centros e actividades.
  • Proceso de agregación: para agregar os distintos tipos de custos/ingresos de acordo cos criterios contables do modelo, en función das necesidades dos distintos destinatarios da información.

O output do sistema CANOA queda constituído polos estados contables normalizados que permitan avaliar nunha visión de conxunto os resultados do proceso de custos, complementados polas posibilidades de obtención de información personalizada ás necesidades da análise da xestión.